

clasclás 2025 | ´Allegro Giocoso´
O Festival Internacional de Música Clásica clasclás realizará a súa VIII edición novamente
no verán de 2025. O Programa Artístico do festival comezará o sábado 21, coincidindo co
Día da Música, e estenderase ata o sábado 28 de xuño de 2025, aínda que con antelación
e paralelamente terán lugar actividades dos outros programas dos que consta o clasclás.
A VIII edición do clasclás está dedicada, principalmente, a render homenaxe á música
española, á nosa cultura, aos nosos compositores e á nosa historia.
Por vez primeira, realizaremos a estrea de varias obras, “Ventana a mi interior” Op. 41,
estrea absoluta do compositor arousán Eligio Vila, e as estreas absolutas en tempos
modernos de dúas sonatas que Eduardo López Banzo recuperou da Biblioteca da Catedral
de Jaca, enmarcados no seu concerto “Mvsica Romana: Corelli e España”.
Dous Premios Nacionais de Música, Spanish Brass e Al Ayre Español, acompañarannos
no Programa Artístico. Gozaremos da integral de Iberia, de Issac Albéniz, obra cume da
historia do piano no noso país con Luis Fernando Pérez. A violista Isabel Villanueva
visitaranos acompañada polo galardoado pianista francés François Dumont, co seu
programa Fantasía no incomparable marco do Pazo dá Golpelleira, e renderemos
homenaxe a Dimitri Shostakovich co Trío Hélix, ensemble gañador dos Premios Circuitos
FestClásica 2025. A todos eles únese o laureado Cuarteto Bennewitz, aclamada
agrupación checa cos últimos Cuartetos de Haydn e Dvořak.
Unha Gala Lírica clausurará o festival, dedicada a Aberturas e Arias de Giuseppe Verdi
(Nabucco, Otello, A forza do destino..) e Giacomo Puccini (A Boheme, Manon Lescaut,
Turandot..) a cargo da soprano Miren Urbieta-Vega e a Orquestra GAOS baixo a dirección
de Fernando Briones que inicia o programa Sinfónico do claslclás.
O programa clasclás matinée tráenos tres concertos nesta ocasión. O primeiro deles a
cargo de Pablo Zapico coa guitarra barroca, realizando un percorrido pola historia deste
instrumento desde os seus orixes. O segundo e terceiro concerto estarán a cargo de artistas
galegos, Flexible Dúo, composto por Rafael Yebra, saxofón e Oswaldo Oro, guitarra e para
finalizar Fernando Raña, frauta e Alba Barreiro, arpa.
O Conservatorio Profesional e a Escola Municipal de Música volverán ás rúas, prazas e
espazos emblemáticos de Vilagarcía dentro do programa clasclás a pé de rúa, e serán
tamén os encargados do Programa Social e Comunitario do festival, vital para moitos de
nós e que sempre xera infinitas emocións inesquecibles a todos os que del forman parte,
tanto aos máis de 400 asistentes das 20 asociacións e colectivos participantes, como aos
músicos que, con devoción, tocan para eles.
| COMITÉ ORGANIZADOR |
Presidente: Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía de Arousa.
Vicepresidente executivo primeiro: Paola María Mochales, concelleira de Educación.
Vicepresidenta segunda: Sonia Outón Casal, concelleira de Cultura.
Dirección : Rosina Sobrido Fernández e Vladimira Smausová.
Coordinación Programa Social e Comunitario: María Galbán Zaragoza


Programa de Concertos
