top of page

A banda sonora da esperanza.
 

Un ano máis, e xa van catro, en Vilagarcía resoa o clasclás. O clasclás sonoro que o noso festival internacional de música clásica nos propón a través da súa programación, que este ano inclúe sete concertos e un ambicioso programa de masterclasses. Pero tamén o clasclás dos aplausos do público que celebra, se cadra agora con máis ansia e ledicia que nunca, o poder gozar da música en directo.

 

Dunha música que o clasclás demostrou que é apta para todos os públicos. Ese era precisamente un dos obxectivos fundacionais do festival e esa está a ser unha das súas maiores grandezas. O clasclás é un festival transversal que nos permite achegarnos a músicas aínda que, en principio, a alguén poderían parecerlle alleas. Grazas ao clasclás hoxe felizmente sabemos que non é así, que emocionan e chegan a todo o mundo por igual.

 

Entre as novidades desta cuarta edición sobresae a presencia na dirección do festival  do Trío Guarneri de Praga, formación emblemática da música de cámara europea, que este ano celebra o seu 35 aniversario sobre o escenario e coa mesma formación.

 

Tamén subliño a presenza de cinco tríos formados por alumnos de cinco dos mellores centros superiores musicais de España para participar no programa de masterclasses. Unha iniciativa que ven a reafirmar o compromiso do clasclás, non só coa difusión da música clásica, senón tamén coa formación e co apoio aos músicos que están a dar os seus primeiros pasos neste apaixonante mundo.

 

Non me queda máis que agradecer a axuda e o compromiso amosado a patrocinadores e colaboradores e animarvos a gozar de todo o que nos brinda o clasclás, que é moito. Vivimos tempos de renovada esperanza. É o momento de pórlles banda sonora. E esta que o festival nos propón non pode ser máis axeitada. Carpe diem.

 

Alberto Varela García

Alcalde de Vilagarcía de Arousa

bottom of page