1/1

Clasclás 2021:  carpe  diem!

A IV edición do Festival Internacional de Música de Vilagarcía de Arousa, clasclás, nace, crece e se desenvolve inmerso nunha pandemia mundial que ten provocado o virus SARS – COV 2.


Nestas circunstancias absolutamente excepcionais e únicas, desde Vilagarcía propoñemos un festival baixo o lema universal carpe diem, novamente coa MÚSICA como elemento de unión e con especial atención aos artistas, aqueles xa consagrados que dirixen nesta ocasión o certame e os máis noveles que os acompañarán no seu desenvolvemento.

 

Todos eles están duramente golpeados nestes intres e de forma moi desigual, representación de dúas caras moi visibles e opostas desta pandemia. Sirva, pois, esta IV edición para unir e reivindicar o dereito de todos á educación, á cultura e sobre todo á vida, dereitos fundamentais que debemos preservar.


Nada mellor que a música, que sempre acompaña, que todo o une e que ás veces axuda na cura para este clasclás no que o Trío Guarneri de Praga nos deleitará co profundo e marabilloso ton dos seus Guarneri e o inigualable piano de Iván Klansky.


Varios ensembles e solistas de amplo espectro, tendencias e procedencias,  acompañarán ao Trío nunha ecléctica edición que teñen ideado para nós e que iremos presentando paseniñamente .

Este clasclás pensámolo para poder facelo, queremos facelo e por iso loitaremos ata o final barallando os diferentes escenarios e situacións que se poidan presentar. Vivamos o momento.

 

A dirección artística do festival está a traballar, ademais, nun proxecto pedagóxico posible para esta edición, dada a inseguridade que provocaría nestes intres unha nova convocatoria internacional do Young Artist Program (YAP), que terá que agardar ata que todo pase.


Queda moito por coñecer desta IV edición do clasclás, así que prestade atención e, mentres agardamos, carpe diem!!!

cartel-Clasclas21_baja.jpg

Vídeos de las presentaciones del festival y las masterclasses